Verten mil litros de aceite ao río Xuvia durante un roubo

Os técnicos colocaron barreiras e material absorbente no río. C. Toimil

O roubo do bobinado de cobre dun transformador eléctrico en Narón a punto estivo de xerar un desastre ecolóxico no río Xuvia. Pendentes de cuantificar os danos reais sobre o ecosistema, axentes do Corpo Nacional de Policía investigaban onte o suceso, ocorrido no interior dunha estación de bombeo de auga que mantén o Concello de Ferrol sen uso ás beiras do Xuvia por se houbese que utilizala en caso de emerxencias.

Os ladróns accederon ao inmoble e, para extraer o cobre do interior do transformador, baleiraron o contido do circuito de refrixeración, que onte cuantificaban desde o consistorio ferrolán nuns mil litros. Mentres, técnicos de Emafesa, a empresa mixta de augas da urbe naval, e do organismo autonómico Augas de Galicia, despregaron unha serie de barreiras anticontaminación para tratar de conter a vertedura, a poucos metros da presa do Rei, no concello veciño de Narón.

Tamén, segundo informaron fontes municipais, tratouse a zona afectada con dispersantes químicos, a fin de extraer a máxima cantidade de aceite posible da canle, e Emafesa realizou catas no terreo para eliminar a posibilidade de que se producisen embolsamentos dese líquido que puidesen prolongar a vertedura.

Non entanto, desde a sociedade Caza e Pesca Xuvia, criticaron onte unha “deficiente coordinación na xestión” da vertedura. Foron membros desa entidade os primeiros en alertar ás autoridades, despois de que se detectasen irisacións na auga da canle de captación da fábrica Galicia Téxtil, do veciño municipio de Neda.

De feito, o roubo ocorreu a madrugada do domingo ao luns, e a vertedura detectouse antonte, sen que se tomasen medidas para contelo até este martes. “Tan difícil é xestionar o traslado de dúas barreiras absorbentes ?”, preguntábase o presidente da sociedade cinexética, Eloi Saavedra, uns elementos, argumenta, dispoñibles na base de Salvamento de Fene, “a tan so dez minutos” do lugar do suceso.

Nun primeiro momento, a entidade constatou “unha pequena mortandade de zapateiros”, que compoñen a fauna habitual sobre a auga. Aínda que “as troitas comportábanse de forma normal, en principio”. Aínda que se descoñece a incidencia que podería ter nun futuro a vertedura sobre a canle.

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies