Xuntanza co Director xeral de Conservación
O pasado 4 de febreiro (xoves), tivemos reunión co Director Xeral de Conservación.
Representando a APRAFOGA estivemos o Presidente e o Secretario. Estaba para asistir tamén o Vicepresidente por Lugo pero ó final non puido estar.
Pola Dirección Xeral estiveron o Director e os dous Subdirectores.
O desenrolo da reunión:
Salientar de entrada o cordial recibimento por parte da Dirección Xeral. Salientar tamén o interese por coñecer algo máis da Asociación Profesional (os seus asociados, a condición de ser Axente Forestal na nosa Comunidade Autónoma para poder estar asociado, os intereses que se defenden son comúns para as dúas Direccións Xerais “Montes e Conservación”, e outras). Sinalou o Director Xeral descoñecer o noso desexo de reunión ata a chegada do escrito e tamén o comentario sobre as novidades da Orde de vedas para a tempada de pesca 2010.
Deseguido; o Presidente e o Secretario lembrámoslle moi por riba os traballos que Aprafoga ven facendo en prol do Colectivo, propostas de solucións que no seu día se presentaron por escrito ás respectivas Direccións Xerais e que a día de hoxe aínda están sen arranxar. Por isto e como consecuencia do cambio político, entendemos prioritario unha reunión para poder entregarlle en man copia destas propostas como igualmente se fixo co seu homólogo, o Director Xeral de Montes.
Entregámoslle copia e falamos:
- Do borrador do Regulamento do Grupo C, presentado no seu día en conxunto coas forzas Sindicais. É unha proposta ambiciosa pero cremos que xustificada na súa propia redacción. É un borrador completo, á altura de atender as necesidades do medio natural e ás dos cidadáns. Que ademais axudará a unha mellor distribución do persoal.
- Das Directrices de Organización dos Servizos Provinciais de Conservación, e das alegacións que esta Asociación leva presentado porque entendemos que non se axustan á legalidade. Son desproporcionadas na distribución xerárquica, imparciais nas catro Provincias e cremos ademais que; é un problema que non pode continuar.
- Do borrador de Rpt´s elaborado por Aprafoga. Cando a anterior CMADS na que estaba Conservación da Natureza emitiu un borrador do que ía a ser o Distrito Ambiental. Esta Asociación analizouno i elaborou un para a Escala de Axentes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, axustando as prazas e os niveis ás necesidades do que se pretendía chamar “Distrito Ambiental”. Dende calquera dos puntos de vista entendemos que o persoal en Conversación é escaso, aínda que a nosa proposta pode entenderse como ambiciosa pensamos que é unha boa ferramenta para defender ante a Consellería competente a necesidade dun incremento de persoal na Escala de Axentes.
- Da proposta de Acordo económico. A proposta de Acordo foi elaborada perante outra situación económico-laboral, entendemos que as contías reflectidas poidan causar mala impresión a día de hoxe. De tódolos xeitos é unha proposta, haberá que discutila e acadar un novo Acordo. Acordo que compense os servizos extraordinarios que se desenvolven en xornadas de noite, fins de semana ou festivos no ámbito de Conservación.
A Dirección Xeral espuxo:
O agradecemento pola entrega dos citados, a necesidade de estudalas propostas en profundidade para poder debatelas con máis coñecemento.
O asunto das Rpt’s está moi delicado pola situación actual, a priori vai a ser inviable; pero pode ser factible ou necesario algunha reestruturación puntual.
O Director comentou sobre o tema de M. Piñeiro e da Orde de vedas. Manifestou o seu descontento con este tipo de xente que participa ou presenza unha comisión e logo vai sementando novidades que non están aínda tomadas. Decisións que ademais se toman por maioría dos participantes e que non é o Director (persoa única e soa) quen de aprobar, autorizar, poñer ou dar. É un Comité, que eleva a súa proposta ó Conselleiro e logo publicarase a respectiva Orde no DOG. Agradeceu o traballo realizado no asunto dos salmóns do Ulla e tamén a mágoa de aparecer implicados ligados ó Servizo; é dicir, vinculados á Admón.
APRAFOGA recalcou que a intención do escrito, a súa redacción; tan só pretendía darlle a coñecer cómo están as cousas dende o punto de vista do colectivo. Alertarlle de que “intrusos”, tamén tentaron mofarse do colectivo escribindo nos comentarios da nosa páxina web, anticipándonos novidades sobre a Orde de vedas que só benefician ós avariciosos. Novidades que son indiferentes para o colectivo; non estamos aquí para pescar, estamos para vixiar que se pesque segundo a Lei e as respectivas Ordes. Poderemos estar en contra ou a favor, pero temos moi claro que a nosa misión é facelas cumprir. No dereito estamos tamén a criticalas aínda que non guste e a alertar dos problemas que determinadas decisións poden causar á riqueza piscícola.
En canto ó asunto económico, o Director asentiu a delicada situación laboral, é razoable que cada quen pida para sí. Admisible que todo o mundo queira mellorar os seus ingresos. A situación non é a máis ideal pero analizamos as propostas, estudámolas e marcarnos unha nova reunión a finais de marzo – abril para acadar conclusións de tódolos temas presentados.
Tamén manifestou que se están facendo reunións coas forzas sindicais sobre este aspecto.
Xa rematando, APRAFOGA comentou o problema que está a causar o cambio de teléfono para denuncia de ataques de lobo. Os afectados xa estaban acostumados ó outro número, supoñemos que se están producindo ataques e non avisan porque non resposta o teléfono doutras tempadas. Sería convinte a elaboración de dípticos ou trípticos con toda esa nova información que xira arredor do 902 11 20 00.
{jcomments on}