Xuntanza comité intercentros seguridade e saúde
Funcionarios e Laborais Xunta de Galicia
O día 1 de outubro, celebrouse unha xuntanza do Comité Intercentros de Saúde Laboral, na que se trataron os seguintes puntos:
1.- GRIPE A. Sobre esta pandemia, a Administración presentounos as liñas básicas de actuación para o ámbito da Xunta de Galicia, as que lle faltaba incorporar a relación dos servizos esenciais, que elaborarán e remitiran proximamente. Así mesmo comprometéronse a dar cumprida información sobre a incidencia que poida ter a gripe A entre o persoal da Administración Autonómica.
2.- NOVO MODELO DE ENQUISA. CCOO había solicitado a modificación do modelo de enquisa que cubrían os traballadores e traballadoras cando se ía avaliar o seu centro, tendo en conta que, o que se viña utilizando xa tiña mais de 10 anos e estaba sendo pouco utilizado. O novo modelo aprobado, que é mais sinxelo e fácil de utilizar está colgado na paxina web http://webriscos.xunta.es e permite un tratamento informático dos datos. Os responsables da Prevención de Riscos da Consellería de Presidencia comprometéronse a pasarlle ó persoal o novo modelo de enquisa, con anterioridade a visita dos técnicos que fan as avaliacións de riscos laborais, para que os resultados poidan ser tidos en conta na elaboración do plan de avaliación.
3.- TRABALLOS EN SITUACIÓN DE ILLAMENTO. A Administración comprometeuse a elaborar un informe no que se especifiquen os colectivos profesionais que se considera que traballan en situación de illamento. Unha vez realizado o informe adoptaranse as posibles medidas que permitan mellorar as condicións destes postos de traballo.
4.- XUNTANZAS DOS COMITES DE SEGURIDADE. Constatado que no último trimestre, so se reuniron 3 dos 21 comités constituídos, e que desde que se asinou o Acordo de Participación en materia de prevención de riscos laborais, este é o ano no que hai menos xuntanzas convocadas pola Administración, desde CCOO solicitamos a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Acordo, para entre outras cousas, esixir que se convoquen as reunións ordinarias que establece o acordo, así como para facer a adaptación dos comités de seguridade a nova estructura administrativa da Xunta de Galicia. Emprazamos a Presidencia do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde a que, a través da Secretaria Xeral da Consellería de Presidencia, requira os/as demais Secretarios Xerais das diferentes Consellerías, a que convoquen con caracter urxente as reunións legalmente previstas dos comités de seguridade.
5.- FORMACIÓN EN PREVENCIÓN PARA O PERSOAL DE NOVO INGRESO. Desde CCOO reiteramos a esixencia de que se cumpra a orde que establece a obriga da Administración de dar formación, en prevención de riscos laborais, a todo o persoal de novo ingreso, especialmente o persoal dos grupos que non teñen un módulo específico sobre esta materia no curso obrigatorio inicial.
01-10-09 – CC.OO – Sector da Administración Autonómica