Xuntanza da Comisión de seguimento (22-12-2011)

Hoxe, tras un retraso pouco xustificable, por fin houbo a reunión do Grupo de Traballo pactado na última xuntanza da Mesa de Seguimento do Acordo de Axentes Forestais o día 24 do mes pasado.

Á mesma acudiron por parte da Administración persoas de terceira e cuarta fila na responsabilidade que nin sequera se dignan a tomar notas do que alí se fala, e que xa deixaba ás claras cal podía ser o resultado final.

Tras ter transcorridos máis de dous anos dende que teñen as nosas propostas nas máns, e suspender a cita prevista para o pasado día 15 coa excusa de que non miraran ben os textos achegados (que xa tiveron tempo de leelos unhas cuantas veces), teñen a cara dura de dicirnos que as miraran por riba, e que ó final todo se resume en que todo o que teña que ver con incrementos salariais, reduccións horarias ou ampliación dos descansos e vacacións era inviable, deixandonos entrever que o mellor é que nos quedásemos como estamos como mal menor.

Tras esta postura, e despois de manter as catro organizacións presentes unha reunión o día 5 na que conxuntamos as posturas e propostas, e analizamos as posibles posicións que poderían adoptar dende a Administración, xa levabamos unha alternativa a propoñerlles, e da que case que lles pareceu mal que ata tivésemos ideas novas. Nesta nova proposta apostamos por un horario único para todo o ano, e xa que logo a cobertura das 24 horas quedaría garantizada, as compensacións tiñan que ir parellas á esta nova proposición, quedando encadradas do xeito que mellor se poida.

Só se quedou en ter unha nova xuntanza na segunda quincena do mes de xaneiro.

Para CCOO só foi unha aunténtica perda de tempo, posto que nos reunimos con quen non pode decidir absolutamente nada e que só veñen como mensaxeiros de novas xa atisbadas e de posturas radicais que non deixan ver unha saida positiva a esta negociación. Unha perda de tempo e un gasto que nestes momentos non se pode permitir o erario público, así que para a próxima vez esixiremos maior eficiencia por parte dos que acudan representando á Consellería do Medio Rural.

O único que se pode valorar do encontro foi que dende a Consellería, polo menos dende Santiago, non se opoñen a volver a conceder as comisións de servizos que xa había ata agora e que tiveron que suspenderse por mor das tomas de posesión do grupo C1 do segundo proceso de integración. Así logo, xa podedes ir a chuzarlles ós Xefes Territoriais correspondentes para que as volvan a solicitar, pois nos tememos que de non facelo nós mesmos a eles igual lles importa ben pouco, como xa estamos a ver en todos os aspectos que afectan a este colectivo.

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies