Alegacións ó borrador da Lei de Caza de Galicia

Esta Asociación tivo coñecemento do borrador sobre o que están traballando para futura aprobación dunha nova Lei de Caza de Galicia. Polo mesmo; como non podía ser de outro xeito e logo de analizar o seu contido vémonos na obriga de dar a coñecer a nosa opinión neste eido.  A redacción do citado e a ambigüidade empregada para algunhas definicións; así coma, a mestura de conceptos que levan tempo ben diferenciados, fan do presente, un auténtico borrador.

De antemán quixéramos manifestarlle o noso descontento porque, como Axentes “Forestais/Ambientais” con funcións específicas de vixilancia da caza na nosa Comunidade,  sentímonos ignorados ó non recibir petición para achegar a ese novo proxecto a nosa opinión e experiencia en tal cometido. Opinións sobre os ganchos, as batidas, os grupos, as infraccións, sobre a abundancia e o hábitat, as soltas e os plans de aproveitamento. Sobre os danos, os responsables e os afectados, a labor inspectora dos axentes e a indignación dos agricultores, gandeiros e outros.
Lembrarlle tamén que no ámbito das competencias que ten a Dirección Xeral de Conservación da Natureza hai asuntos de maior necesidade e urxencia pendentes de resolver.

É bastante máis urxente poñer en marcha imprescindibles requisitos legais pendentes para a Rede Natura 2000, para os Parques Naturais e Nacionais ou para a Protección da Paisaxe de Galicia.

Deberiamos traballar con urxencia nestes plans para os lugares LIC´s da Rede Natura. Estes Espazos Naturais Protexidos logo dunha ducia de anos da súa creación aínda non contan con plans de xestión.  De feito, os pobos e lugares que se integran na súa extensión descoñecen os posibles beneficios, sofren pola contra os prexuízos das infraccións que  tipifica a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza,  a cal despois de dez anos de existencia tampouco conta co seu propio Regulamento.

A Lei 7/1992 de Pesca Fluvial de Galicia e o seu Regulamento 130/1997 precisan con urxencia dunha revisión para fortalecer a vixilancia e a custodia da calidade das augas continentais.  A familia dos salmónidos é unha das máis afectadas pola contaminación. A calidade da auga é primordial para garantir a súa existencia, un aproveitamento máis racional é obrigatorio para soster a poboación e manter o lecer de practicala pesca no pais dos mil ríos.

Os vertidos ás augas continentais deben estar máis e mellor regulamentados (orgánicos, mineiros, tóxicos, biolóxicos).  As cantidades, porcentaxes e máximos admisibles deben de cuantificarse segundo a época estival, quizais tamén segundo a importancia da masa de auga; e como non, segundo a distancia dende a mostra ó punto de vertido.

Igualmente os aparatos, materiais e medios empregados deben ser axeitados para garantir a veracidade das medicións tomadas e das mostras recollidas, deben estar regulamentados e cumprir as oportunas revisións que garantan o óptimo funcionamento.

Tamén a restauración fluvial debería lexislarse nesta nova norma (conceptos, principios, etapas). Seguramente sobre estes requisitos técnico/biolóxicos tería moito que dicir a “Estación hidrolóxica do río do Con”.  Por este departamento da USC,  tódolos Axentes de Conservación estamos a pasar unhas xornadas/cursiño que sen dúbida van contribuíndo a unha maior e mellor coñecemento do que se debe facer e de cómo debemos de facelo.      

Unha posta ó día da Lei de Pesca Fluvial e do seu Regulamento, para garantir o termo “estado ecolóxico” que a Directiva Marco da auga 2000/60/CE establece como medida de calidade das augas.  E tamén para contribuír ás actuacións (para a xestión e utilización da auga) do programa A.U.G.A. que o Ministerio de Medio Ambiente presentou no ano 2004 no mes de setembro.

A Lei 7/2008 de Protección da Paisaxe de Galicia parece quedar no esquecemento a pesares da novidade da súa recente aprobación.  Coma se non importara o máis importante que temos;  “unha paisaxe única e quizais inigualable, dos tempos máis antigos e remotos dos pobos desta terra”.  Paisaxe que pouco a pouco vamos consumindo sen lle facer fronte seriamente á súa conservación, á necesaria xestión e inviolabilidade de determinados espazos.

Tampouco se escoitou falar nada da creación do Observatorio Galego da Paisaxe como entidade de apoio e asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe e de colaboración e coordinación con outras Admón.

Ademais do citado, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza xunto coa Dirección Xeral de Función Pública deberían urxir na vontade de traballar para o novo Regulamento do Grupo C  da “Escala de Axentes Facultativos Ambientais”. A nova denominación do colectivo, (dos coñecidos Gardarríos e Gardamontes de toda a vida) foi creada pola Lei 2/2000 para  acoller o proceso de integración dos Axentes Forestais en Facultativos Ambientais, dez anos despois aínda non ten Regulamento propio.

A pesares de que xa hai funcionarios neste Grupo dende fai anos, e de que esta Asociación xunto coas Forzas Sindicais que nos representan entregaron un borrador fai máis de tres anos, aínda non houbo intención política de por en marcha o seu debate e aprobación.

De tódolos xeitos con este escrito, tentaremos construír máis que derruír. Aínda que certo é, con este panorama normativo nas competencias do Departamento Directivo da actual Consellería do Medio Rural, a esta Asociación parécelle máis incongruente que inoportuno gastar esforzo e tempo (non falemos de economía), orquestrar a solución do problema da caza en Galicia cunha nova Lei.

Unha nova Lei que na EXPOSICIÓN DE MOTIVOS do borrador xustifica a Caza como solución para:  
“danos da fauna salvaxe ós cultivos, que defende a caza como medio para asegurala existencia de outras especies, a seguridade das vías de circulación, a salvagarda dos valores naturais e do desenrolo do medio rural, resulta indispensable para a supervivencia dos nosos hábitats”.

“Cambios profundos nas estruturas familiares agrarias, na maneira de producir e nos cultivos, cambiaron de maneira grave as condicións do hábitat de numerosas especies, que perderon espazo no que desenrolarse que pola contra, víronse favorecidas polas novas condicións ambientais e experimentaron unha rápida expansión territorial. Moitas de estas desenrolaron poboacións ata niveis nos que constitúen un grave problema ecolóxico, económico e social.”

A caza conseguiu ser o instrumento imprescindible para o control das poboacións silvestres, garantindo o necesario equilibrio biolóxico no medio natural, que asegura a supervivencia de outras especies e ponlle freo ós danos que causan algunhas na agricultura, gandería, silvicultura e á propia seguridade das vías de circulación.”

Ha de poñerse de manifesto a función social da caza, como instrumento de xestión do medio, de salvagarda dos valores naturais e do desenrolo do medio rural.”

A caza transcende as fronteiras de unha saudable actividade lúdica e deportiva que se practica no medio natural, para transformarse nun instrumento planificado e ordenado que resulta indispensable para a supervivencia dos nosos hábitats.”

E por elo que, A
PRAFOGA síntese obrigada a poñer sobre a mesa a interpretación que os Axentes Forestais/Medioambientais damos ó borrador desta nova Lei.  Temos que ser claros, só se desprende da súa redacción a intención ou idea de permitir máis, autorizar máis, menor responsabilidade colectiva e individual. Maior flexibilidade para a celebración de ganchos que repercutirá sen ningunha dúbida, nun maior descoñecemento do que se avista e do que se mata. Citando algúns dos desequilibrios deste borrador temos:

Artigo 31, para os Vedados de caza dos Tecor: “Poderán establecerse vedados para a protección específica de grupos de especies de caza maior ou de caza menor. A práctica da caza neles limitarase ó grupo das especies cinexéticas non incluídas no réxime de protección”.

Artigo 44, para a Xornada hábil de caza, no concepto de cacerías finalizadas e no seu apartado b): “Cando se houbera cometido unha infracción grave polos participantes  que afecte ó normal desenrolo da cacería e, a xuízo dos axentes medioambientais e/ou forestais con competencia na vixilancia das cacerías, se estime conveniente”.

Artigo 51, para a Responsabilidade dos cazadores no parágrafo 2º do apartado 1º: “Así mesmo, todo cazador estará obrigado a indemnizar polos danos e prexuízos que ocasione pola consecuencia do exercicio da caza, exceptuando cando o feito causante fora debido a culpa ou neglixencia do prexudicado ou por causas de forza maior”.

Artigo 52, “Das responsabilidades patrimoniais dos danos en cultivos causados pola fauna salvaxe” está pendente de redacción. Entendemos que é o principal escollo da Lei de Caza de Galicia, quizais sexa a causa da posta en marcha deste borrador.

Artigo 53, para a Seguridade nas cacerías no punto 4: Prohíbese o cambio ou abandono dos postos polos cazadores e os seus auxiliares durante a cacería, facéndoo somentes coa autorización do responsable da cacería.

Artigo 61, para as Autorizacións especiais, apartado 4. Si por razóns de urxente necesidade non puidera obterse a previa autorización administrativa en calquera dos supostos citados, darase conta inmediata da acción realizada á Consellería competente en materia de caza, que abrirá expediente administrativo a fin de determinar a urxencia alegada e a xustificación do medio empregado.

Artigos 68 e 69,  Da vixilancia e gardería da actividade cinexética e Gardas de Campo de caza (respectivamente).  Sobre a redacción destes artigos advírtense varios erros e contradicións, así coma unha extensa redacción mesturando distintos conceptos legais perfectamente diferenciados.  APRAFOGA ten escrito dabondo sobre os aspectos legais do persoal e da vixilancia:  autoridade, axente, axentes da autoridade, veracidade dos feitos, principio de inocencia, Lei de Procedemento Administrativo Común, e outros.  

Tamén no apartado 4 do artigo 68,  Calquer cidadán poderá  recabar  a intervención dos axentes da autoridade cando detecte actuacións prohibidas ou advirta circunstancias perigosas para a fauna silvestre.

Artigo 69, pola redacción do precepto, o que parece é que se intenta “privatizar” a función de vixiar o cumprimento da Lei de Caza, xa que o que se entende é que o título de garda de campo de caza se otorgue a calquera persoa que cumpra unha serie de requisitos, pero sen que necesariamente se trate de persoal ó servizo da administración pública. Se isto é así, é imposible que se lles poida recoñecer a condición de axentes da autoridade, algo reservado exclusivamente para quen esté ligado por relación funcionarial coa administración pública. Debe afirmarse que o persoal de seguridade privada, que é a categoría na que, con moitos reparos, poderían incluírse os gardas de campo de caza, non ostenta o carácter de axente da autoridade, toda vez que a Lei 23/1992, de 30 de xullo, de Seguridade Privada, non o recoñece no seu articulado. E neste senso maniféstase a xurisprudencia do Tribunal Supremo, negando tal carácter de axente da autoridade ó persoal de seguridade privada nas súas sentencias de 25 de outubro de 1991 e de 18 de novembro de 1992, entre outras moitas. Como máximo, poderáselles recoñecer o carácter de axente auxiliar da autoridade, pero non o de axente da autoridade.

Por si o dito non fora suficiente, debemos recordar que  o art. 9.2. do Estatuto Básico do Empregado Público reserva expresamente o exercicio das  funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio das potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais do Estado e das Administracións Públicas exclusivamente ós funcionarios públicos, de onde o exercicio de funcións inherentes á autoridade só pode ser realizada por funcionarios públicos.    

De igual forma, é totalmente reprobable e xuridicamente inviable e inadmisible que se lle recoñeza a denominada presunción de veracidade ós gardas de campo de caza. Esta presunción, conforme o art. 137.3 da Lei 30/1992, queda reservada non só ó persoal ó servizo da administración pública, senón especificamente ós funcionarios, con exclusión de calquera outro tipo de vinculación. Por iso é totalmente imposible que as denuncias dos gardas de campo, en tanto non sexan funcionarios, poidan gozar de presunción de veracidade nin estos revestir o carácter de axentes da autoridade, mentres non se trate de persoal ó servizo da administración vinculado a ela por relación funcionarial.

Artigo 73, na medida en que neste artigo se ven a establecer a presunción de veracidade das denuncias formuladas polos axentes da autoridade e gardas de campo, é extensible o mesmo o dito máis atrás con relación ós gardas de campo. Chama a atención que neste artigo distíngase ademais entre axente da autoridade e garda de campo, o que leva implicitamente a contradicir o art. 69.1 cando establece os gardas de campo de caza o carácter de axentes da autoridade.

Artigo 74, o parágrafo segundo é ambiguo en canto ó prazo para recurrir en alzada a medida cautelar: ¿un mes desde adopción da medida, ou dende que ésta é confirmada no acordo de incoación do expediente sancionador?. Pola redacción en conxunto parece que se refire á segunda interpretación, pero retrasar a posibilidade de recurrir contra a medida dende o mesmo momento da súa adopción pode causar indefensión ó presunto infractor.

Artigo 75, a mención de que ós bens ocupados por decomiso se lles dará o destino que se sinale regulamentariamente implica demorar a súa aplicación ó desenvolvemento regulamentario, co conseguinte retraso. Dado que a lei xa establece  o destino de  determinados bens, o lóxico sería indicar que a estes se lles dará o destino fixado nesta lei ou que poida determinarse por vía regulamentaria.

De igual forma e para evitar confusións polo uso ambiguo do termo “destino” de un mesmo termo, debe precisarse no inciso final do parágrafo 3 do artigo, que no recibo que expedirá o axente denunciante o termo destino non se refire ó destino final ou ultimo do ben (algo que o axente probablemente descoñeza nese intre) senón o lugar en que quedará depositado.

Tamén sería razoable especificar qué autoridade será a que dispoña o destino final do ben decomisado (o instrutor, o órgano competente para iniciar o expediente ou para a súa resolución, etc.).

Artigo 76, A negativa á entrega da arma ou medio, si revestise caracteres  de delicto, non poderá dar lugar a denuncia, senón que deberá dar lugar a dita denuncia: estamos ante un posible delicto presenciado por un axente da autoridade no exercicio das súas funcións, polo que está obrigado a denuncialo. E así debería recollelo a Lei, especificando no seu caso a quen lle corresponde cursar fisicam
ente a denuncia ante Fiscalía e/ou o Xulgado competente: directamente ó axente ou a outro órgano administrativo que deberá quedar precisado na Lei.

Artigos 77 a 79, o catálogo de infraccións debe ser depurado. Contéñense nel erros significativos, como por exemplo:

– Tipifícanse dúas veces feitos constitutivos dunha mesma infracción (78.22 e 31)

– Da pé a que dun mesmo feito deriven dúas infraccións distintas, o que, incluso cando no dea lugar a un bis in idem, supón unha defectuosa técnica lexislativa (art.77.2 e 78.1).

– Non se garda unha proporcionalidade razoable; non ten sentido castigar como infracción moi grave o negarse a realizar as probas para a detección da existencia no organismo de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas e drogas (79.21) e só como grave cazar baixo a influencia destas sustancias (78.47).

– Parece razoable que, ó igual que se fai no caso de reiteración de infraccións leves, que se estableza como infracción moi grave a reiteración de infraccións graves.

Artigo 78, en orde ás sancións aplicables parece desexable introducir un criterio xeral para establecer, no caso de infraccións cometidas por menores, a responsabilidade dos pais, titores, gardadores de feito ou de dereito e/ou persoa responsable do menor durante a actividade cinexética, en orde ó pago das multas e responsabilidades civís que poidan derivar das infraccións cometidas polo menor.

Artigo 82, debería recollerse expresamente como criterio de agravación a negativa á entrega da arma á que alude no art. 76.3, cando non sexa constitutiva de delicto ou infracción administrativa específica.

Artigo 83, neste artigo contense unha infracción encuberta e ilegal no seu punto quinto. É desexable que a infracción nunca reporte beneficio económico ó infractor, pero iso debe lograrse non pola vía de considerar como indemnización ese beneficio económico, senón pola vía de establecer dentro do xogo dos artigos 81 e 82 unha mención do estilo “multa de 100 a 600 euros ou o duplo do beneficio económico obtido polo infractor, no caso de ser éste superior a 600 euros”, seguido dun criterio específico de graduación no artigo 82 conforme ó cal a multa que se impoña nunca poderá ser inferior ó beneficio económico obtido polo infractor.

Artigo 81, para Sancións aplicables.- No seu punto 1, apartado a):

Multa de 100 a 600 euros para as infraccións leves.

Multa de 601 a 6.000 euros para as infraccións graves e retirada da licencia de caza e inhabilitación para obtela dun ano e un día a cinco anos. A retirada da licencia aplicarase exclusivamente naqueles supostos en que se aplique a sanción no seu grado máximo.
No seu punto 2, apartado 2): Nos supostos de infraccións graves ou moi graves ó titular cinexético, a sanción poderá levar aparellada, no seu caso, a suspensión ou anulación da actividade cinexética.
Neste mesmo artigo no punto 5. 4: Nas sancións moi graves que afecten a un TECOR no seu conxunto, deberá solicitarse informe do Comité Galego de Caza.

Artigo 82, para o criterio para a graduación das sancións: Entendemos os criterios que se deben de ter en conta para a graduación das sancións pero non o xeito ou maneira de cuantificalos. Tratándose da Caza “deporte”, dos medios que se empregan para capturala, do risco para terceiros, do prexuízo para os demais cazadores ou do dano para as especies, unha relación máis axeitada abranguería:

a. A intencionalidade, o ánimo de lucro e o posible beneficio obtido.
b. A natureza e o volume dos medios ilícitos empregados, o risco creado para as persoas e os bens.
c. A transcendencia social e o prexuízo causado ás especies incluídas en calquera dos catálogos de especies ameazadas ou ós hábitats.
d. O prexuízo causado ós recursos cinexéticos.
e. A reincidencia ou reiteración nun período dun ano. De apreciarse esta circunstancia o importe da multa incrementarase nun 50%.
f. No caso de concorrer dúas ou máis infraccións, imporase a sanción correspondente á de maior gravidade.

Artigo 89, non procede a imposición de multas coercitivas para obter o cumprimento dunha resolución que impoña unha multa económica. Nestes casos o procedente é actuar por vía de apremio. Obviamente, si ademais da multa a resolución establece outras obrigacións non pecuniarias para o infractor, éstas sí poderán ser obxecto de cumprimento forzoso mediante a imposición de multas coercitivas, cumprindo os requisitos legalmente establecidos ó efecto.

Artigo 90, a reparación do dano causado nada ten que ver coa infracción cometida, alomenos na forma na que está redactada o borrador: pode ocorrer que unha infracción leve, que leve aparellada unha multa de 600 euros, cause un dano moi superior a dito importe. Neste caso, non parece recomendable limitar o importe das multas coercitivas, respectando sempre o dito antes en orde a inviabilidade da imposición de multas coercitivas para obter o abono de cantidade algunha por parte do infractor.

Artigo 91, debería remitirse a posterior desenvolvemento a creación do rexistro de referencia, xa que a regulación legal é excesivamente parca e inadecuada (non se indica ao responsable, a duración máxima dos rexistros ata a súa cancelación, o modo do exercicio dos dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, etc.)

 

Pontevedra 27 de xuño de 2011
Atentamente
O Presidente de APRAFOGA

Miguel García Fernández      

Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Parlamento de Galicia
Rúa do Hórreo 63
15701 – Santiago de Compostela

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

{xtypo_rounded1}O escrito foi enviado ó Conselleiro, ó Director Xeral e ós Grupos parlamentarios{/xtypo_rounded1}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies