Control de asistencia diaria ao traballo

Instrucción SX 02/2011 para o control de asistencia diaria ao traballo e concesión de permisos, licenzas e vacacións do persoal que presta os seus servizos nas unidades periféricas das xefaturas territoriais

Co obxectivo de establecer un único sistema de control de presenza diaria no traballo do persoal que presta servizos nas unidades periféricas das xefaturas territoriais da Consellería do Medio rural, cómpre adoptar a seguinte instrución.

A tal efecto están incluídos no ámbito de aplicación desta instrución os empregados públicos que prestan servizos nas oficinas agrarias, nas oficinas veterinarias, nos distritos forestais e nos distritos ambientais dependentes das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, con independencia de que preste os seus servizos dentro ou fóra das oficinas.

De acordo coas competencias atribuídas a esta Secretaría Xeral Técnica polo apartado oitavo da Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, e tendo en conta a normativa que resulte de aplicación en cada caso dítanse as seguintes instrucións:

Primeira.- Xornada e horario de traballo

A xornada de traballo é o tempo durante o que se desenvolve a prestación do servizo do traballador, xa sexa en cómputo diario, semanal ou anual. Para o seu cumprimento se establece un horario de traballo que varía en función dos distintos acordos asinados por cada colectivo. En defecto de acordo expreso o horario virá determinado polo establecido na normativa xeral de aplicación aos funcionarios e laborais da Xunta de Galicia.

Para o establecemento do horario de traballo e lugar de inicio da xornada, no caso dos empregados públicos que traballan fóra das oficinas, deberá terse en conta, segundo o colectivo de que se trate:

A) A Orde da Consellería de Presidencia do 3 de maio de 1984 sobre xornada de traballo, vacacións e licencias do persoal ao servizo da Xunta de Galicia e a circular nº 3/94 da Inspección Xeral de Servizos para os funcionarios da Administración Xeral e Especial para todos os funcionarios e persoal laboral dependentes das unidades periféricas das xefaturas territoriais non contemplados nos apartados seguintes.

B) O acordo para a ordenación e mellora da prestación de servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galicia de 31 de outubro de 2008 que establece no seu anexo II as especialidades da prestación dos servizos dos veterinarios pertencentes aos Servizos Veterinarios Oficiais.

C) O acordo sobre as condicións especiais de traballo do persoal funcionario pertencente aos grupos A1 e A2 da Xunta de Galicia do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais polo que se establece o réxime de prestación de servizos dos funcionarios que prestan os seus servizos en distritos forestais.

D) O acordo sobre condicións especiais de traballo para o persoal laboral do SPDCIF, que dispón que o horario diario de traballo é tempo de traballo efectivo, e que concretamente, o punto 3.3.2 establece que o comezo e o remate da xornada de traballo contarase a partir do centro de control ou lugar de reunión.

De acordo con isto, a persoa responsable da xefatura de distrito disporá de acordo coa planificación de traballos, o lugar diario de reunión das brigadas e demais persoal laboral suxeito ao dito acordo a partir do cal comezará e rematará a xornada diaria de traballo. Este lugar estará preferentemente dentro da comarca forestal á que estea adscrita a brigada. En todo caso poderá ser modificado por necesidades do servizo.

E) O acordo sobre as condicións de traballo de persoal laboral pertencente as categorías de encargados de equipos mecánicos, oficiais 1º condutores e oficiais 1ª condutores e oficiais 1ª mecánicos que presten servizos no SPDCIF.

F) A Orde do 21 de marzo de 2005 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal da escala de axentes forestais. Para este colectivo, os xefes dos distritos forestais ou os xefes de servizo de Conservación da Natureza, segundo o caso, disporán de acordo coa planificación de traballos, o lugar diario de inicio da xornada. Este lugar estará preferentemente dentro do ámbito territorial ao que estea adscrito o funcionario. En todo caso poderá ser modificado por necesidades do servizo.

Segundo.- Control de asistencia diaria ao traballo

Sen prexuízo do réxime de prestación concreto de cada un dos colectivos citados no primeiro punto, e co fin de poder levar un axeitado control de asistencia ao traballo procederase da seguinte forma:

1- Os empregados públicos que presten os seus servizos en oficinas ou inicien a súa xornada nas oficinas, en tanto non se implante o sistema de control regulado na Orde de 25 de maio de 2011 da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asinarán o correspondente parte de sinaturas que será remitido diariamente á xefatura territorial por fax ou escaneado de conformidade co modelo que se xunta (anexo I).

2- Os empregados públicos do SPDCIF que exerzan as súas funcións fóra das oficinas xustificarán a súa asistencia diaria ao traballo da seguinte forma:

  • A xornada de traballo do empregado público ou no seu caso da brigada comezará e rematará no lugar de reunión determinado na planificación do traballo pola persoa responsable da xefatura de distrito, agás en caso de incendios, en que a xornada comezará no lugar que se indique expresamente para ese día.
  • Á hora prevista para o inicio da xornada, cada empregado público ou no caso das brigadas, o xefe de brigada ou na súa ausencia o peón condutor ou o oficial, comunicarán ao Centro de Coordinación de Distrito a súa presenza no lugar determinado na planificación indicando ademais no caso das brigadas o número de compoñentes. Se por razón de horario o Centro de Coordinación do Distrito non estivera operativo, contactarase co Centro de Coordinación Provincial, indicando a hora e lugar de inicio ou fin da xornada, así como as posibles incidencias que xurdan
  • Esta comunicación realizarase polo medio de comunicación habitualmente empregado (teléfono ou emisora segundo o caso). A comunicación do fin da xornada efectuarase do mesmo xeito.
  • Ademais do anterior, no caso do persoal laboral do SPDCIF, calquera incidencia será rexistrada diariamente no aplicativo de quendas desde o distrito.

3- O persoal funcionario e laboral adscrito a outras unidades dependentes dos Servizos de Montes e aos distritos dependentes dos Servizos de Conservación da Natureza que prestan servizos fóra da oficina, acreditarán a súa presenza ao inicio e ao fin da xornada no lugar establecido na planificación correspondente, utilizando o medio de comunicación que en cada xefatura territorial se determine. A súa presenza será anotada diariamente nos correspondentes partes na xefatura territorial.

En todos os casos, o empregado público que se ausente por causa imprevista deberá comunicalo verbalmente e de forma inmediata do seguinte xeito:

– O persoal adscrito ás unidades periféricas (oficinas agrarias e
oficinas veterinarias) deberá comunicalo á persoa titular da xefatura de área da que dependan funcionalmente ou persoa designada expresamente ao efecto polo xefe territorial.
– O persoal do SPDCIF deberá comunicalo ao xefe do distrito ou en caso de ausencia por razón da quenda, ao Centro de Coordinación Provincial.
– O persoal adscrito a outras unidades dos Servizos de Montes e aos distritos ambientais o comunicará, segundo o caso, á persoa responsable da xefatura do Servizo de Montes ou do Servizo de Conservación da Natureza ou persoa en quen delegue.

Terceiro.- Solicitudes de permisos, vacacións e licenzas

Toda solicitude de permisos, vacacións e licenzas deberán tramitarse, sempre que o empregado público teña acceso á rede corporativa da Xunta de Galicia, a través do aplicativo PORTAX. No caso do persoal que por razón do seu posto de traballo non ten acceso á dita rede corporativa, deberá tramitalo mediante a presentación do modelo normalizado que se xunta a esta instrución.

Todos os permisos (asuntos persoais, asistencia a cursos, traslado de domicilio,…) serán solicitados, agás supostos excepcionais debidamente considerados, cunha semana de antelación como mínimo no caso do persoal que desempeña o seu traballo en quendas, e nos demais casos con tres días hábiles de antelación. A súa concesión estará supeditada ás necesidades do servizo. En todo caso, en época de alto risco os días de asuntos persoais concedidos ao persoal do SPDCIF poderán ser revogados por necesidades do servizo con dous días de antelación.

As solicitudes serán presentadas dentro dos prazos anteditos ante:

– os correspondentes xefes de área no caso do persoal dependente de oficinas agrarias e de oficinas veterinaria.
– a persoa responsable da xefatura de distrito no caso do persoal dos distritos forestais.
– o xefe do Servizo de Montes ou do Servizo de Conservación da Natureza do que dependan no caso do persoal dependente deles.

Unha vez apreciadas as necesidades do servizo o xefe correspondente dará a súa conformidade mediante a súa sinatura, e a continuación o remitirá á xefatura territorial.

O xefe/a territorial, como responsable da xefatura de persoal da xefatura territorial, autorizará ou denegará en última instancia os permisos, licenzas ou vacacións.

En caso de ser denegada a solicitude formulada por un traballador comunicarase de maneira expresa o motivo da denegación do dito permiso e os recursos que proceden contra esta.

As vacacións, permisos e licenzas previamente autorizadas pola persoa titular da xefatura territorial ao persoal laboral do SPDCIF dependente de distritos forestais e cuxas quendas sexan xestionadas no aplicativo quendas serán introducidas na dita aplicación.

Cuarto.- Procedemento para a tramitación e control das ausencias

Se por causas sobrevidas se producisen ausencias ao traballo sen a tramitación do previo permiso, o persoal deberá comunicalo verbalmente ese mesmo día de conformidade co disposto no punto segundo desta instrución.

Non obstante o anterior, a persoa responsable da unidade (xefes de área, xefes de distrito ou xefes de servizo, segundo o caso) requirirá ao traballador nos dous días seguintes para que presente as alegacións escritas e xustificantes no prazo de tres días hábiles seguintes á notificación do dito requirimento.

A xustificación presentada será valorada aos efectos de considerar se a ausencia foi xustificada ou non.

A non reincorporación ao traballo unha vez transcorridos 5 días hábiles desde a primeira ausencia sen a presentación da oportuna xustificación, salvo causa de forza maior, se considerará como non xustificada e o responsable do seu control dará traslado inmediato dun informe da situación á xefatura territorial correspondente, que realizará as actuacións procedentes.

En todo caso, de non asistir ao traballo sen a tramitación da correspondente solicitude e sen que sexa xustificada axeitadamente se considerará ausencia ao traballo a todos os efectos.

Na primeira semana de cada mes, deberán ser revisadas as ausencias correspondentes ao mes anterior, emitindo informe de todas aquelas ausencias non xustificadas ao titular da xefatura territorial. Corresponde a emisión do dito informe a persoa titular das xefaturas de área, das xefaturas de distrito ou xefaturas de servizo, segundo o caso.

Independentemente do carácter xustificado ou non das ausencias, o incumprimento das normas de procedemento establecidas para a solicitude de permisos ou licenzas, poderá dar lugar a responsabilidade disciplinaria, sen prexuízo de que de conformidade co disposto no artigo 30.1 do Estatuto Básico do Empregado Público se deduza a parte proporcional de haberes pola parte de xornada non realizada.

Santiago de Compostela,     de xuño de 2011

O secretario xeral técnico

Jorge Atán Castro

 

{xtypo_feed}Documento{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies