Insultos e agresións no boicot ao campionato de raposo
Os cazadores abateron 37 exemplares a pesar da protesta de Equanimal
Un centenar de activistas da Fundación Equanimal boicotearon onte a celebración do campionato nacional de caza de raposo, disputado en montes da provincia de Pontevedra. Esta asociación de defensa dos dereitos dos animais acudiu por quinto ano a esta proba cun dobre obxectivo: salvar o maior número de exemplares e concienciar á poboación. Ao final, as capturas foron 37. O destino dos raposos, unha empresa autorizada en curtido de peles.
A interposición destes voluntarios ataviados con petos vermellos e provistos de pancartas entre os participantes saldouse con algúns incidentes. O máis grave foi o golpe que recibiu un operador de TVE, que acabou no chan e vendo cómo a súa cámara recibía patadas dun cazador. A asociación Libera solicitou ao Colexio de Xornalistas unha condena da agresión.
Na proba tomaron parte 630 cazadores, distribuídos en 63 equipos. Cada cuadrilla tiña asignado un campo de 300 hectáreas entre os municipios de Covelo e Forcarei (vinte tecores).
Olaia Freiría, portavoz da asociación, valorou como positiva a acción de onte: “Sempre son positivas porque salvamos animais, á marxe das consecuencias que ten para nós. Hoxe (por onte) houbo dúas activistas feridas, ademáis de insultos e ameazas”. A Federación de Caza de Pontevedra non tiña constancia desa suposta agresión a estas dúas mozas. Equanimal presentou unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra.
Á marxe da polémica, o campionato nacional foise para A Coruña. Gañou o equipo Os Magníficos, con 4 raposos, seguido de San Salvador de Escuadro, de Silleda, e de Salnés-2, con tres exemplares cada un.
{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}