Manifesto da Plataforma Sindical

 

O manifesto foi lido e repartido ó remate da última das manifestacións.
 
 
Este colectivo con máis de 125 anos de antigüidade e que dende sempre se adicou á protección e conservación do Medio Ambiente, antes incluso de que existise este concepto, observa abraiado como ano tras ano e goberno tras goberno non deixan que poidamos levar a cabo o noso traballo, non deixan que poidamos prestar á cidadanía o noso servizo que durante máis dun século resultou eficiente e constante, non queren, en definitiva que prosigamos coa nosa tarefa.
 
Hai xa uns anos que asistimos a unha parálise das nosas funcións, desviadas estas cara empresas que non resultan máis baratas para o erario público, nin eficientes nos seus desempeños, pero si un lugar moi agradable para colocar ás amizades dos políticos de turno e abrirlles de paso a porta traseira do ingreso ó emprego público vulnerando así tódolos principios do mesmo.

 
Ó tempo tamén sufrimos a carencia de medios de traballo que ata redundan en perxuízos para a nosa saúde, pois circulamos en obsoletos vehículos que deixan unha longa lista de lesións de costas, ou forzamos a vista ata o extremo por non dispor duns simples prismáticos.
 
Sen embargo, no ámbito do noso traballo habitual comprobamos como cada día, cada mes e cada ano aparecen máis e máis elementos alí onde antes non había ninguén. Así surxen nas últimas décadas as anteriormente nominadas empresas “públicas”, o Seprona, a Policía Autonómica, e ultimamente Seaga e os voluntarios. Estamos convencidos de que cantos máis participen na defensa e na protección do noso preciado e necesario Medio Natural mellor, pero resulta sorprendente como todos e cada un dos antes mencionados están a desplazarnos do noso espacio vital coa determinación do que pide “quítate ti que quero poñerme eu” na contra de arrimar o hombreiro. Ós anteriores se lles dota de bo material e asumen competencias que namentras non houbo cartos públicos so nos encargamos os Axentes Forestais.
 
Ainda por riba temos que cumprir con quendas horarias de 12 horas por 16 € brutos. E iso no mellor dos casos de non aparecer a lacra do lume, pois así as 12 horas poden convertirse en xornadas interminables polas que nunca esiximos nada a cambio. A cambio dos 16 € brutos os Axentes Forestais e Medioambientais asumimos a arriscada tarefa de dirixir a extinción dos 10.000 lumes de media anual que sufrimos en Galicia ano tras ano. Asumimos ser os responsables dos medios aéreos na extinción, do persoal e a súa seguridade, das relacións cos veciños nerviosos coa presencia do lume nas súas propiedades e vivendas, de tentar evitar que se queime o noso medio de vida: O MONTE.
 
Así, a resposta que temos dos nosos responsables recurrentemente é sempre a mesma: desidia, olvido, deixadez, ninguneo, desprecio. Mentres, as nosas reivindicacións pasa a ser históricas no tempo, pois hai algunha delas que ata xa cumpriron a maioría de idade. Nalgún caso o acoso chega ata extremos nunca imaxinados, contando na actualidade coa Consellería de Medio Ambiente que máis contamina de toda Europa ó facer que se rrecorran miles de quilómetros os seus traballadores para que asinen un suposto control horario. E iso sen entrar nos riscos derivados de tamaña actitude.
 
Podería ser que este colectivo non fose o suficientemente eficiente e que os sibilinos cambios tivesen unha resposta eficiente. E sen embargo tampouco vemos aspectos que se poidan definir coma positivos. Pola contra constátase cada vez máis a decadencia medioambiental do País sen que exista unha reacción por parte dos responsables: os casos de delictos ambientais nunca chegan á xustiza quedándose no ámbito da tixola administrativa (Brentag, encoro da Fervenza, contaminacións diversas e repetitivas de cursos fluviais, envenenamento dos montes…). Tampouco se levan a cabo traballos de ningún tipo para remediar a acelerada pérda de biodiversidade mediante o control, estudio e censo tanto de especies autóctonas sen ningún plan de conservación ou protección, como de escandalosas especies invasivas foráneas e os seus inexistentes plans de manexo e erradicación. Todo parece solucionarse con anunciar a bombo e platillo a creación de miles de hectáreas protexidas….sobre o papel, porque sen ter a alguén que vixile, cuide e faga cumplir as normas neses espazos dificilmente poderá cumprirse esa pretendida protección.
 
Tampouco é que se aforren cartos do erario público pois alegremente se dotan infinidade de corpos, entes, empresas, ongs, e voluntarios con elementos dos que nos, como profesionais da materia, carecemos. Algún destes casos chega ata a dotación inxente de material a corpos e entidades alleas á propia comunidade autónoma como é a Garda Civil que deste xeito aforraos dos seus orzamentos.
 
É así, que sendo o colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais coñecedores destas situacións, por orgullo, por dignidade, pola defensa do Medio Ambiente e do noso patrimonio natural non deixaremos de loitar.
 
 
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2008
 
 
 
ASINAN ESTE MANIFESTO
 
CCOO
CSI-CSIF
UGT {jcomments off}
Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies