Unha vertedura química orixinado en Trèves chea de espuma Os Gafos durante toda a xornada

Un técnico da empresa localizou a avaría de onde partiu o produto que acabou na rede de pluviais e afectou o río máis de doce horas

O Gafos, tinguido de branco ao seu paso por Ponte Boleira. Noé Parga

Unha vertedura de poliol (un poliuretano) procedente da fábrica de Trèves de O Campiño tinguiu de espuma branca o río de Os Gafos durante polo menos doce horas. A alerta saltou no servizo de emerxencias 112 pasadas as sete da mañá e até o polígono de O Campiño chegaron, tras rastrexar a canle do río: axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e técnicos de Augas de Galicia e de Aquagest, concesionaria do servizo municipal de auga, ademais da Policía Local e a Garda Civil.

Todos eles tomaron e custodiaron mostras do río e no interior da fábrica para determinar a composición da vertedura e os seus previsibles efectos sobre a fauna e flora. A información será achegada á preceptiva investigación sobre un suposto delito ecolóxico. Ao longo da xornada fíxose un seguimento para constatar a evolución da mancha e as súas consecuencias xa que non se descarta que se poida producir unha mortandade de peixes.

Non foi, con todo, até o mediodía cando persoal técnico e de mantemento da propia Trèves localizou a avaría que desencadeou a vertedura do produto químico (poliol) que se utiliza na espuma dos elementos de automóbil que fabrican. Estes técnicos accederon ao interior co “permiso” dos traballadores da fábrica que estaban concentrados ás súas portas dado que onte iniciaron unha folga indefinida para esixir a sinatura do convenio.
“Averiouse unha peza nos controladores dos tanques e empezouse a expulsar o poliol cara o tellado e coa acumulación empezou a caer e dirixiuse cara á rede de pluviais” explicaba onte o presidente do comité e delegado de CIG, David Couñago, quen atribuía á maledicencia calquera insinuación sobre a implicación dos folguistas no incidente.

Á primeira hora da tarde, e a petición da dirección, os traballadores apostados no exterior deixaron entrar ao persoal dunha empresa de mantemento especializada para que limpase a cuberta contaminada da fábrica e evitar que a choiva, prevista para a tarde, arrastrase restos do poliol ao río

Pola súa banda a concelleira de Medio Ambiente Natural, Celia Alonso, lembraba que Trèves ten un historial de incidentes de verteduras ás súas costas e que, mesmo, foi sancionada no seu día pola Xunta. “Case sempre eran vertidos de auga xabonosa pero o de hoxe (por onte) ten un compoñente tóxico, é dun produto químico cuxa composición están a acabar de analizar” detallou a concelleira.

 

{xtypo_feed}Faro de Vigo{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies