O pasado xoves 23 de abril celebrouse en Silleda unha asemblea do colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia  para expoñer as conclusións do ditame encargado a especialistas  sobre o Proxecto de Lei de emprego Público de Galicia.

Silleda, 23 de abril de 2015. A esta xuntanza asistiu un dos autores do ditame, especialista en dereito público, que puido responder a tódalas cuestións formuladas polos membros do colectivo asitentes. As conclusións acadadas por este ditame, referentes ao texto do Proxecto de Lei de Emprego Público de Galicia son as seguintes:

a) Os funcionarios da Escala de Axentes Facultativos Medioambientais que ingresaron no subgrupo C1 co título de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, como co título de técnico especialista, han de ser necesariamente clasificados no grupo B. Aqueloutros que accederon á escala sen a titulación de técnico superior ou equivalente, considérase que poden ser clasificados no grupo B dada a equiparación que os mesmos sufriron con quen ostentan a citada titulación, sen que iso supoña un quebranto dos principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública e, por tanto, o dereito fundamental ao acceso en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos, nin tampouco un incumprimento da normativa básica do Estado en materia de función pública.

b) O feito de que o proxecto de Lei non clasifique aos funcionarios da escala de Axentes Facultativos Medioambientais no grupo B supón que o mesmo incumpra as previsións do EBEP, o que determina a súa inconstitucionalidade ao vulnerar a lexislación básica do Estado.

c) Este proxecto tamén incumpre a reserva da Lei prevista na Constitución ao non contemplar previsión expresa sobre o réxime de integración dos funcionarios da actual escala de Axentes Facultativos Medioambientais nos corpos e escalas definidos no anteproxecto, circunstancia esta que determinaría a súa inconstitucionalidade, sen que dita ausencia poida suplirse por vía regulamentaria.

d) Vaise a producir unha vulneración nos dereitos adquiridos dos funcionarios da escala de Axentes Facultativos Medioambientais ao encadrar dita escala no grupo C e minorar a titulación requirida para o acceso.

e) O proxecto de Lei incorre na vulneración dos dereitos á carreira profesional e a promoción profesional dos Axentes Facultativos Medioambientais, xa que é contrario os dereitos individuais dos funcionarios expresados no EBEP. Así mesmo, viola o seu dereito a dignidade.

Sobre as emendas presentadas polos grupos parlamentarios ao texto do Proxecto de Lei

As propostas de emendas presentadas polo Partido Popular palían en parte a auténtica degradación e a indignidade a que se somete ao  colectivo dos Axentes Facultativos Medioambientais no proxecto de Lei que se está a tramitar. Pero non resolve os vicios de inconstitucionalidade nos que incorre o proxecto sobre a integración da citada escala, pois esta é unha cuestión de reserva de Lei e non pode ser materia a desenrolar nun regulamento, nin tampouco emenda a vulneración de dereitos adquiridos e a vulneración  dos dereitos a carreira profesional e a promoción profesional dos funcionarios integrantes desta escala.

As emendas presentadas polos grupos da oposición –PSdG, AGE e BNG-, recollen practicamente as propostas de emendas presentadas a tódolos grupos polos representantes do colectivo.

Debate no pleno do Parlamento

O texto vai ser debatido no pleno do Parlamento sinalado para o vindeiro día 28 de abril a partir das 10 horas da mañán. Para ese mesmo día está convocada unha concentración diante do Parlamento as 12 horas.

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies